Saturday 20 de April de 2024

Abegondo inicia a súa formación sobre pragas en árbores froiteiras


O Concello acolleu hoxe o acto de inauguración, que correu a cargo do alcalde, José Antonio Santiso, e da xefa territorial da Consellería do Medio Rural, Mónica Mª López López.

O Concello de Abegondo viviu hoxe, luns 9 de novembro, o pistoletazo de saída das xornadas sobre o control de pragas en árbores froiteiras. O programa formativo está organizado pola Consellería do Medio Rural como parte do plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e información ao rural galego 2020 da Oficina Agraria Comarcal ( OAC).

O acto de presentación correu a cargo do alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e da xefa territorial da Consellería do Medio Rural, Mónica María López López. Durante a súa intervención, o rexedor destacou a “importancia” que teñen este tipo de xornadas, que contan cunha “perspectiva multidisciplinar, ofrecendo aos alumnos e alumnas a posibilidade de aprender de enxeñeiros, químicos, biólogos, etc.”. Pola súa banda, López expresou a intención do organismo autonómico de seguir apostando por este tipo de formacións, coas que se pretende ofrecer unha “visión de futuro e promover as posibilidades que ten a contorna natural”, comentou.

Ao longo do plan formativo –de 15 horas-, abordarase o funcionamento do Laboratorio Agrario e Fitopatológico de Galicia en canto ao recoñecemento de pragas en árbores froiteiras, o uso de material xenético autóctono por parte de fruticultores, agrometeorología, emprego de produtos sanitarios, etc.